Saturday 04 de May de 2024

A Xunta reforza a actividade científica de 117 grupos e proxectos de investigación, aos que destina 20,3M€


— A Consellería de Educación e a Vicepresidencia Primeira publican o listado dos beneficiarios, da actividade investigadora, ata 2026, máis competitiva do sistema de I+D+i

— O Goberno galego leva mobilizado preto de 200M€ para estes grupos, o que garante que nestes momentos haxa o maior número de equipos científicos activos da historia

— Inclúense os Grupos de Referencia Competitiva, os Grupos de Potencial Crecemento e os Proxectos de Persoal Investigador con traxectoria excelente

A Xunta de Galicia vén de resolver no Diario Oficial de Galicia as axudas para o funcionamento dos grupos de investigación máis competitivos do sistema de I+D+i para o período 2022-2026, que supoñen unha inxección de 20,3M€ por parte da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

A través desta resolución conxunta entre ambos departamentos, o Goberno galego financia o funcionamento estrutural e estable dun total de 117 grupos e proxectos de investigación do sistema de I+D+i de Galicia, 91 deles nas tres universidades públicas e os outros 26 noutros organismos científicos públicos como as fundacións de investigación sanitaria radicadas en Galicia, ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e ao CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas).

O obxectivo desta liña de axudas é asegurar un financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que garanta un financiamento basal dos grupos científicos máis excelentes do sistema galego de investigación universitaria que lles permita desenvolver o seu labor de xeito estable e cunha liberdade de acción suficiente para reorientalo de ser o caso.
Con cargo a esta liña de axudas, o Goberno galego leva mobilizado preto de 200M€ para estes grupos, o que garante que nestes momentos haxa o maior número de equipos científicos activos da historia

Grupos de Referencia Competitiva
Nesta convocatoria benefícianse un total de 46 Grupos de Referencia Competitiva (Modalidade A), a razón de 42 nas universidades públicas galegas e catro noutros organismos de investigación de Galicia. Estes grupos caracterízanse por bos índices de publicacións científicas, un nivel de captación de recursos elevado e competitivos a nivel estatal e en moitos casos internacional.

Neste caso o orzamento é de preto de 13M€ e as axudas teñen unha duración máxima de catro anos. O importe total de cada unha das axudas vén determinado por unha contía estrutural máis outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación, e distribúense por anualidades de acordo a un módulo fixo anual e outro variable.

Grupos de Potencial Crecemento
Os Grupos de Potencial Crecemento (Modalidade B) son aqueles que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos, e que están na senda que os leve a ser grupos de referencia.

Neste caso hai 40 beneficiados (29 grupos nas universidades e 11 noutras entidades investigadoras), que disporán de axudas ao longo de tres anos cunha contía máxima de 30.000€ na primeira e de 45.000€ na segunda e terceira. A contía total que se mobiliza nesta modalidade ascende a preto de 4M€.

Proxectos de excelencia
A Modalidade C, destinada ao financiamento de proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, benefícianse un total de 31 proxectos (20 deles nas universidades e 11 noutras entidades investigadoras). Cunha dotación orzamentaria de preto de 3,4M€ refórzase o labor dos científicos máis activos do sistema que obtiveron unha axuda do Programa Ramón y Cajal, do Miguel Servert ou do Juan Rodés, os máis prestixiosos de Europa.

Conceptos subvencionables
A través destas axudas, os beneficiarios das tres modalidades poden financiar o custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación, ferramentas de xestión do coñecemento e a información (aplicacións informáticas, bases de datos, etc), pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico, cotas de coloquios e congresos e adhesión a sociedades científicas; e formación do persoal do grupo relacionada coa actividade obxecto da axuda mediante estadías curtas, así como a viaxes e axudas de custo de membros do grupo para a actividade obxecto da axuda.

Tamén son conceptos subvencionables a contratación de investigadores visitantes, a organización de actividades de difusión, a publicación dos resultados da investigación en aberto (sempre e cando sexan como consecuencia da actividade do grupo), a consultaría e asesoramento externo, os gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría e os custos indirectos.

Esta acción enmárcase dentro do conxunto de iniciativas de apoio económico por parte do Goberno galego para a consolidación dun sistema galego de I+D+I que camiñe cara á excelencia e cara ao recoñecemento internacional, a través de convocatorias como esta ou as dirixidas ás estruturas supragrupais, como son os oito centros de investigación acreditados das tres universidades galegas agrupados baixo o selo identificativo CIGUS.